Monday 06 de May de 2024

A xira galega de ‘Rastros’, obra de Roberto Vidal Bolaño, péchase na Coruña este venres coa súa representación no Teatro Rosalía de Castro


A peza do autor compostelán volve ás taboas case cinco lustros despois da súa primeira función. Faino baixo o selo do director Lois Blanco Araúxo e cun formato máis contemporáneo

O Teatro Rosalía de Castro abrirá as súas portas este venres á representación na Coruña de ‘Rastros’, unha coprodución de Condetrespés e o Centro Dramático Galego, en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios. ‘Rastros’ é unha adaptación inspirada na obra homónima do escritor e actor de teatro compostelán Roberto Vidal Bolaño, que volve cobrar vida sobre as táboas no vixésimo aniversario do seu pasamento. A peza achégase á historia de Esther, unha muller libre que acostuma a dicir o que pensa e facer o que sente, sen prexuízos de ningún tipo. ‘Rastros’ céntrase no seu carácter libertario e, ao mesmo tempo, nas debilidades que a fan muller galega do seu tempo.

O director Lois Blanco Araúxo rescata así unha obra que chegou aos escenarios hai case cinco lustros, en Vilagarcía. Agora, ‘Rastros’ volve cun elenco de protagonistas formado por Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Pablo Carrera e Mateo Franco, protagonistas dunha interpretación cun formato máis contemporáneo e que, á súa vez, segue sendo fiel á idea da peza orixinal.

O espectáculo previsto este venres 27 (20.30 horas) no Teatro Rosalía de Castro supón o peche da xira galega de ‘Rastros’, que comezou a inicios de marzo.

Como adquirir as entradas
As entradas para asistir á función están á venda a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 5 a 14 euros para o público xeral. Os pases poderanse adquirir tamén o día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.